Dura derrota do Cidade de Narón na Gándara ante o Pazos de Borbén

  • Os naroneses deixaron escapar os tres puntos nos últimos segundos de partido logo de manter o control do encontro e de estrelar ata catro tiros ao pao. Diego foi o encargado de anotar o tanto local

Narón, 2 de novembro de 2024.- O Cidade de Narón sufriu unha dura derrota esta fin de semana no partido que o enfrontou ao Pazos de Borbén na Gándara. Un encontro que arrancou cun sentido minuto de silencio en recordo das vítimas da Dana.

Así as cousas, os tres puntos viaxaron ata Pontevedra malia que os naroneses tiveron o partido controlado case os 40 minutos de xogo e a que estrelaron ata catro tiros ao pao. Pero unha desafortunada xogada cando restaban 12 segundos para o asubío final acabou por esmorecer as aspiracións dos naroneses de sumar puntos. O resultado final por 1-2 a favor dos visitantes non fai xustiza ao bo encontro disputado polo Cidade, grazas á intensidade de xogo e á excelente actuación de Buxía baixo os paos.

O choque arrancou cun Pazos de Borbén con moita profundidade no xogo e boas ocasións para abrir o marcador e un Cidade con maior posesión de balón. Sen embargo, co paso dos minutos o encontro foise igualando e o Cidade comezou a amosar unha gran solidez a nivel defensivo resolvendo sen problema as situacións de contraataque que xerou o equipo visitante.

Un primeiro tempo no que as dúas escuadras mantiveron as defensas moi altas e crearon abondosas situacións de perigo que os dous porteiros atallaron á perfección e que provocaron que o marcador se mantivese con empate a cero.

Na segunda parte o Cidade deu un paso ao fronte e aumentou a intensidade defensiva e a velocidade de execución das transicións de xogo en ataque facendo que o partido se volvera moi aberto. De tal xeito que os naroneses se fixeron co control do encontro pero o Pazos se adiantou no marcador logo de gañarlle as costas á defensa local.

Con 0-1 no luminoso da Gándara, o Cidade non perdeu a compostura e comezaron os minutos de asedio naronés. Ata en tres ocasións estrelaron os xogadores amarelos Luis, Lucas e Héctor os tiros ao pao. Ocasións que foron respondidas por dous xogadas de ataque do Pazos que Buxía desbaratou con dúas grandes intervencións. E no minuto 35 chegou o tanto local nos pés de Diego, que anotou logo de recibir un balón en longo.

Con empate no marcador, o equipo naronés tivo que facer fronte a un penalti que, unha vez máis, Buxía atallou, e unha situación de 4 para 3 logo da expulsión de Lucas por dobre amarela. E con cinco faltas acumuladas o equipo que adestra Javi Albes apostou polo porteiro-xogador. Pero a falta de 12 segundos para o asubío final e tras unha saque de banda, o Pazos puxo o 1-2 no marcador final.

O vindeiro fin de semana o Cidade viaxa ata Lugo para enfrontarse ao Begonte

 

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Buxía, Lucas, Diego, Héctor e Javi. Tamén xogaron Iván, Luis, Guille, Pablo e Paulo.

Pazos de Borbén: Xairo, Eloy, Diego, Jacobo e Martín. Tamén xogaron Marcos, Jonathan, Luis, Jorge, Alfredo, Mario e Manuel Antonio.

Goles: (0-1) min. 20, Alfredo; (1-1) min. 35, Diego; (1-2) min. 40, Jacobo.

Árbitros: Carlos Jesús González Pardal e Juan Ramón Juan Mora (C.T.A. Galego).

Pavillón: Pavillón Municipal da Gándara (Narón)