O Cidade rompe a súa racha de vitorias ante un Pazos máis efectivo

  • Os xogadores naroneses non foron quen de rematar un encontro no que comezaron marcando e que ademais deixou as lesións de Guille, Brais e Iván

 

 

 

 

 

 

Narón, 11 de novembro de 2023.- O Cidade de Narón rompeu este sábado a súa racha de vitorias e acabou caendo ante un Pazos de Borbén que, sen xerar grandes ocasións, resultou máis efectivo nos metros finais. Os xogadores amarelos comezaron marcando a través do tanto que anotou Álex Naveira no minuto 7 e malia que gozaron de abondosas ocasións ao longo dos 40 minutos de xogo non foron quen de rematar o choque. O partido finalizou co marcador de 1-3 e coa mala nova das lesións de Guille, Brais e Iván.

O partido tivo unha tónica única nos dous tempos nos que o Cidade traballou máis en presión alta e Pazos agardou en media cancha. Cada equipo tentou empregar as súas armas e malia que os naroneses se adiantaron no marcador a través do gol de Naveira tras unha boa contra, un erro na saída de balón primeiro e unha falta próxima ao bordo da área despois puxeron aos ourensás por diante no marcador.

Logo do descanso e coa vantaxe ao seu favor, Pazos gañou en confianza. Mentres, o Cidade tentouno de todos os xeitos ata que acabou por recorrer á estratexia de porteiro-xogador coa que dispuxo de ocasións claras que non soubo materializar. Nos últimos segundos de partido, Pazos remataba o encontro cun tiro a porta baleira co que poñía o 1-3 definitivo.

Ao remate do encontro, o adestrador naronés lamentaba “que se nos teñan escapado tres puntos importantes para afianzarnos nos postos de cabeza nunha liga que se amosa moi igualada”.

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Fer Combarro, Luis, Diego, Pablo e Brais. Tamén xogaron Álex Naveiras, Lucas, Iván, Juan Caínzos e Buxía.

Pazos de Borbén: Mera, Simón, Diego, Fredo e Martín.Tamén xogaron Amoedo, Luis, Jorge, Pablo e Xandre.

Goles: (1-0) min. 7, Álex Naveira; (1-1) min. 10, Luis; (1-2) min. 17, Martín; (1-3) min. 40, Fredo.

Árbitros: Álvaro Cambeiro e Sergio López (C.T.A. Galego).

Pavillón: PM da Gándara (Narón)