Dura derrota do Cidade de Narón na súa visita ao Marín Futsal

  • Os xogadores naroneses estrelaron ata 6 balóns ao pao mentres que os locais converteron as poucas ocasións das que dispuxeron nos 40 minutos de xogo

  • Javi anotou o único tanto do equipo, que a vindeira semana xogará na Gándara ante o Carballiño FS

Narón, 29 de setembro de 2024.- O Cidade de Narón volveu sen puntos da súa visita a Marín malia o traballo realizado e as abondosas ocasións coas que contou. Ata 6 balóns ao pao estrelaron os xogadores naroneses que o intentaron unha e outra vez ao longo dos 40 minutos de partido pero que viron como os locais converteron as poucas ocasión 

 

das que dispuxeron, o que lles serviu para rematar o encontro cun 5-1 que non fai xustiza ao visto no Pavillón O Sequelo. O único tanto dos amarelos foi obra de Javi.

O equipo que adestra Javi Albes saltou a unha pista excesivamente sucia e esvaradiza que dificultou e moito as accións defensivas do Cidade. Mentres, os locais arrancaron o partido con máis posesión de balón pero moi pouca profundidade.

O Cidade creaba perigo co xogo de pivot e xerou as primeiras dúas accións claras de gol con dous tiros ao pao. Ata que unha perda de balón foi ben aproveitada nunha contra polo Marín para poñerse por diante no marcador.

Os de Narón mantiveron a calma e incrementaron a posesión de balón e nunha xogada de esquina Javi puxo o empate no marcador.

O partido continuou na mesma tónica: o Marín circulaba o balón pero sen profundidade e o Cidade agardaba sen presa a ocasión de saír á contra. Pero nun saque de esquina e tras unha xogada desafortunada na que os xogadores naroneses non atallaron un balón que saíu en botes tras unha volea, o Marín anota o nunha volea do equipo local tras un saque de córner pon o 2-1.

O Cidade aínda gozaría dunha nova oportunidade antes de chegar ao descanso cun tiro de Lucas que bateu no pao.

O segundo tempo empezou cun Cidade máis agresivo e cun obxectivo claro: acurtar distancias. Pero unha xogada polémica, na que o equipo arbitral considerou que un balón do Marín en paralela non saíra por banda, acabou chegando ao segundo pao para que os locais aumentaran a vantaxe no marcador.

Descentrouse o equipo naronés porque malia a superioridade no xogo, non se reflectía no resultado. Aínda así, tentou subir liñas e embotellar ao Marín. Pero a sorte estivo de costas esta xornada e nunha contra, os locais anotaron o 4-1.

O Cidade non baixou os brazos e volveu contar con varias ocasións claras de gol: un tiro ao pao novamente de Lucas, un man a man entre Diego e o porteiro do Marín e unha vaselina de Javi que os locais acabaron sacando cando estaba a piques de cruzar a liña de portería.

Nos últimos minutos do encontro, o Cidade decidiu arriscar con xogo de 5 para 4 e continuaron chegando as oportunidades para recortar distancias, pero sen fortuna. E a piques de sonar a asubío final no Sequelo, unha boa combinación dos xogadores locais puxo o 5-1 definitivo.

O vindeiro sábado o Cidade de Narón xogará na Gándara ao o Carballiño.

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Fer Combarro, Guille, Diego, Héctor e Pablo. Tamén xogaron Buxía, Lucas, Javi, Lautaro e Manu.

Marín Futsal: Ángel, Diego Basilio, Diego Budiño, Martín e Fernando. Tamén xogaron Asier, Luis, Samuel, Badre, Yago, Aitor e Roberto.

Goles: (1-0) min. 4, Yago; (1-1) min. 6, Javi; (2-1) min. 14, Luis; (3-1) min. 21, Diego Basilio; (4-1) min. 28, Samuel; (5-1) min. 39, Luis.

Árbitros: Sergio López Riveiros e Héctor Pérez Álvarez (C.T.A. Galego).

Pavillón: Pavillón O Sequelo (Marín)