Dura derrota do Cidade de Narón en Baamonde ante o Begonte FS
-
Os naroneses tiveron controlado o partido ata a metade do segundo tempo no que arriscaron co xogo de porteiro-xogador sen fortuna
-
Os encargados de anotar os tantos naroneses foron Miguel e Guille
Narón, 10 de novembro de 2024.- O Cidade de Narón volveu de Baamonde cunha dura derrota ante o Concello de Begonte FS. Malia que os naroneses tiveron o control do xogo durante boa parte do choque, a decisión de recorrer á estratexia de porteiro-xogador para traerse os 3 puntos á casa non deu os seus froitos e acabaron caendo por 6-2. Os tantos dos amarelos foron obra de Miguel Caeiro e Guille.
O partido arrancou cun Cidade ben plantado na pista e impedindo ao equipo local entrar no encontro. Os naroneses combinaron varias boas acción e logo dun bo pase de Javi, Miguel finalizou con acerto poñendo o 0-1 no marcador e dando máis confianza ao Cidade.
Os xogadores de Narón avanzaron no partido con moitas rotacións e sen a penas dificultades. Pero o Begonte foi encontrando o seu sitio na cancha e comezou a ameazar a portería de Buxía co lanzamento de varios tiros exteriores. Ata que no minuto 12 de partido, o Cidade cometeu o seu primeiro erro colectivo en defensa alta. Un fallo que permitiu a un xogador local poñerse so ante o porteiro naronés que rexeitou o primeiro tiro pero que non foi capaz de chapar o segundo, que meteu José María a portería baleira.
O equipo que adestra Javi Albes non encaixou ben o tanto local e nunha boa dualidade dos xogadores do Begonte chegaron á portería naronesa. E unha vez máis Buxía rexeitou o primeiro disparo pero non foi quen de desviar o segundo. Gol para os locais que marcharon con vantaxe pola mínima ao descanso.
O segundo tempo comezou cun Cidade de Narón que volveu controlar o xogo e a dispoñer de abondosas ocasións para empatar o partido. Pero logo de sacudirse esa presión inicial, o Begonte, como sucedeu no primeiro tempo, comezou a desfrutar de maior posesión de balón.
Sen embargo, foi o Cidade quen, logo dunha xogada de estratexia, conseguiu anotar por medio de Guille, poñendo o empate no marcador.
A partir dese momento, o Narón volveu apertar para poñerse por diante dispoñendo dalgunha que outra boa ocasión. Pero outro erro nunha marca tras un saque de banda de Begonte supuxo o 3-2 para os locais.
E o partido entrou nunha dinámica na que o Cidade o intentou por todos os medios pero no que o Begonte se defendeu ben. Ata que os naroneses decidiron ir a polos tres puntos recorrendo á estratexia de porteiro-xogador. E pese a que o intentou e dispuxo de varios tiros exteriores de Lucas que rexeitou o porteiro local, o Cidade encaixou tres tantos máis que non reflexan a igualdade do xogo pero si o bo traballo do equipo local.
Este sábado, a partir das sete do serán, o Cidade de Narón xogará na casa ante o Outeiro de Rei.
Ficha técnica:
Concello de Begonte FS: Sergio, Jesús, Angel, Pablo e Martín. Tamén xogaron José, Daniel Varela, Daniel Jove, José María, Jorge e Antonio.
Cidade de Narón: Buxía, Diego, Héctor, Guille e Javi.Tamén xogaron Lucas, Miguel, Lautaro, Pablo e Paulo.
Goles: (0-1) min. 4, Miguel; (1-1) min. 12, José María; (2-1) min. 19, Ángel; (2-2) min. 23, Guille; (3-2) min. 26, Jesús; (4-2) min. 34, Jorge; (5-2) min.36, Pablo; (6-2) min. 37, Daniel.
Árbitros: Sergio López Riveiros e Héctor Pérez Álvarez (C.T.A. Galego).
Pavillón: Pavillón Municipal de Baamonde