O Cidade de Narón cae en Carballiño nun partido no que mereceu máis
-
Os naroneses estiveron a piques de remontar un encontro que perdían ao descanso por 4-1 e que chegaba condicionado polas baixas de Rober, Iván, Luis, Brais, Buxía e Rubén
-
Juan Caínzos, con tres tantos, e Lucas foron os encargados de anotar os goles do equipo que adestra Abel Cernadas
Narón, 23 de setembro de 2023.- O Cidade de Narón volveu de baleiro de Carballiño logo de perder por 5-4 no encontro correspondente á segunda xornada da Terceira División Nacional de fútbol sala. O equipo que adestra Abel Cernadas viaxou en cadro por mor das baixas de Rober e Brais por lesión e Iván, Luis, Buxía e Rubén, por motivos laborais. Malia a isto, o plantel que saltou á cancha do Paco Chao non perdeu a cara e logo dun primeiro mal tempo marcado polas imprecisións e os erros en defensa, foi quen de empatar e a piques estivo de traerse os tres puntos no peto. Ao final, 5-4 a favor dos locais con goles de Juan Caínzos, que anotaba tres tantos, e de Lucas.
O partido arrancou cun Carballiño que saltou á pista con moita intensidade e que cando aínda non se cumprira o primeiro minuto de xogo xa abrira o marcador a través dun tanto de Antonio. Os naroneses non se atoparon cómodos co xogo despregado polo equipo local e concederon varias contras e varias perdas de balón que permitiron aos de Luis Pampín ampliar as distancias e chegar ao descanso cun marcador de 4-1.
Pero o paso por vestiarios serviulles aos de Narón para saltar á pista moito máis centrados e agresivos co balón. E o que foi máis importante, moito máis acertados de cara á portería. Foi entón cando chegaron os tantos de Juan Caínzos e de Lucas, cos que os amarelos empataron o encontro.
Pero a intensidade no xogo despregado por uns e outros provocou que no minuto dez do segundo tempo, os dous equipos contasen con cinco faltas cadanseu polo que as defensas baixaron o ritmo e as oportunidades se sucederon para as dúas escuadras. E malia que tiveron a vitoria na man, os de Narón acusaron de novo a falta de acerto do primeiro tempo e marraron as abondosas ocasións coas que contaron para sumar os tres puntos.
Ao final, 5-4 no Paco Chao a favor dos locais, cun Carballiño que aguantou a arrancada do Cidade no segundo tempo, no que os amarelos foron máis intensos e efectivos aínda que non o suficiente como para gañar .
A vindeira fin de semana, o Cidade de Narón xogará na casa ante o Cidade das Burgas. Un encontro que terá lugar na xornada do sábado 30, a partir das 19 horas.
Ficha técnica:
Carballiño FS: Eric, Édgar, Hugo, Mathias e Antonio. Tamén xogaron David, Iago, Óscar, Noel e Xacobo.
Cidade de Narón: Fer Combarro, Juan Caínzos, Pablo, Guille e Diego Vázquez. Tamén xogaron Álex Piñón, Lucas, Álex Naveira e Diego Rey.
Goles: (1-0) min. 1, Antonio; (2-0) min. 11, Xacobo; (3-0) min. 16, Óscar; (3-1) min. 18, Juan Caínzos; (4-1) min. 19, Edgar; (4-2) min. 23, Juan Caínzos; (4-3) min. 26, Lucas; (4-4) min. 35, Juan Caínzos; (5-2) min. 36, David.
Árbitros: Tania María Penabad e Roberto Pérez (C.T.A. Galego).
Pavillón: PM Paco Chao (O Carballiño)