O Cidade de Narón suma tres puntos na casa ante o Sport Sala Culleredo
-
Os xogadores naroneses tiveron o control do partido dende o primeiro minuto de xogo e aproveitaron o seu dominio para vencer por 6-1 con goles de Pablo (3), Iván, Álex Piñón e Juan Caínzos
Narón, 14 de outubro de 2023.- O Cidade de Narón sumou a segunda vitoria da temporada ante o Sport Sala Culleredo. Malia que o encontro careceu de ritmo tras recorrer o equipo visitante ao 5 para 4 xa no primeiro tempo, os xogadores naroneses axiña se fixeron co control do xogo e mandaron nun partido que acabaron gañando por 6-1 con goles de Pablo, que anotou tres, Iván, Álex Piñón e Juan Caínzos.
O Cidade chegaba a esta quinta xornada do calendario con ansias de vitoria logo dos resultados desiguais das anteriores. É porén, que especulou moito máis que en anteriores ocasións con alternancia de presión en media pista. O Culleredo, pola súa banda, saltou á cancha cun xogo moi directo que lle permitiu xerar máis de unha xogada de estratexia pero sen fortuna.
Pronto o Narón se foi facendo co partido aínda que lle faltou a fluidez da posesión do balón e a conexión co pivot de anteriores encontros. Pola contra gañou en efectividade e xa no minuto 2 subiu o primeiro tanto ao marcador da Gándara froito dunha xogada de estratexia que Iván finalizou cun gran gol.
O tanto serviu para que os naroneses gañasen en confianza e a penas dous minutos despois Juan Caínzos foi o encargado de bater a portería visitante. Aínda poido o Cidade ampliar a vantaxe do marcador grazas a varias xogadas de contrataque que os naroneses non lograron materializar. Pero así se chegou ao descanso: 2-0 no luminoso naronés e un Buxía que atallou todo canto chegou á meta local.
O segundo tempo comezou cun Cidade que seguiu a mesma tónica do primeiro tempo e pronto encarrilou o partido. No minuto 23 Pablo anotou o terceiro tanto e o Culleredo decidiu volver á estratexia de porteiro-xogador á que xa recorrera nos últimos minutos do primeiro tempo co fin de intentar parar o ritmo do partido e acercarse no marcador.
O equipo coruñés comezou a xerar algunha que outra ocasión de perigo pero Buxía seguiu firme repelendo os tiros visitantes e o Narón continuou ampliando a vantaxe. Pablo nos minutos 30 e 33 e Álex, no 34 completaron a táboa de goleadores. E malia que os últimos minutos de partido careceron de intensidade, serviron para que os visitantes anotasen o gol da honra por medio de Manu del Castillo.
O vindeiro fin de semana o Cidade de Narón viaxará a cidade herculina para enfrontarse ao 5 Coruña. Será o domingo 22, no Pavillón de Novo Mesoiro, a partir das 13 horas.
Ficha técnica:
Cidade de Narón: Buxía, Juan Caínzos, Iván, Guille e Diego Vázquez. Tamén xogaron Álex Piñón, Lucas, Diego Rey, Pablo Cotelo e Luis.
Sport Sala Culleredo: Jaime, Stefano, Óscar, Alvaro e Daniel. Tamén xogaron Ignacio, Fernando, Manuel, Lucas, Fernando González, Andrés e Manuel del Castillo.
Goles: (1-0) min. 3, Iván; (2-0) min. 4, Juan; (3-0) min. 23, Pablo; (4-0) min. 30, Pablo; (5-0) min. 33, Pablo; (6-0) min. 34, Álex Piñón.
Árbitros: Esteban Gómez e Yago Seijas (C.T.A. Galego).
Pavillón: PM A Gándara (Narón)