Dura derrota do Cidade de Narón ante o Rábade FS por 3-2

  • Varios desaxustes en defensa penalizaron aos xogadores de Abel Cernadas que malia dominar o encontro non acertaron nos metros finais

Narón, 7 de outubro de 2023.- O Cidade de Narón perdeu esta fin de semana o encontro que o enfrontou ante o Rábade FS, recentemente ascendido á Terceira División Nacional. Os de Abel Cernadas volveron a acusar varios descoidos en defensa que, ao final, resultaron decisivos. E é que malia dominar o xogo, os naroneses semellaron gafados nos metros finais e deixaron escapar tres puntos que, a priori, deberan ter viaxado cara Narón. Ao final, derrota por 3-2 con goles de Pablo e Guille e a baixa de Iván, que se lesionaba no minuto 37 e non podía rematar o encontro.

O primeiro tempo comezou cun claro dominio naronés ante un Rábade que agardou en media cancha a súa oportunidade pero que a penas inquietou a portería de Fer Combarro. O Cidade saía fácil de presión e xeraban abondosas ocasións. Ben conectando co pivot, ben con tiros afastados e mesmo de 2 contra 1. Pero hoxe non foi o día do Narón. Diego, Iván ou Guille marraron máis dunha ocasión clara de gol. E con empate a cero se chegou ao descanso no Eduardo Villamarín.

Na segunda parte os naroneses arrancaron con moitos descoidos en defensa que propiciaron os dous tantos locais nos minutos 22 e 24. Buscou o adestrador naronés a reacción no seu banco e comezou a mellorar o xogo do equipo amarelo e a dispor de novo de ocasións para acercarse no marcador. E así chegou o primeiro tanto do Cidade, obra de Pablo.

Pero nunha xogada desafortunada, os locais volvían a anotar. Un terceiro tanto que subía ao luminoso no minuto 30 e que obrigaba aos de Narón a ir a por todas con xogo de 5. Así comezou o asedio naronés sobre a portería local a través de balóns interiores. Ata que nunha xogada de estratexia Guille anotou o segundo gol do Narón.

Seguiu insistindo o Cidade pero sen fortuna e o encontro rematou con vitoria para os locais por 3-2 e coa lesión de Iván, que se mancaba na perna dereita a falta de apenas dous minutos para o remate do encontro e que é dúbida para a vindeira xornada.

Abel Cernadas lamentaba ao remate do partido que pese ao dominio do seu equipo “non soubemos aproveitar as abondosas ocasións das que dispuxemos e iso nestas canchas acaba pasando factura”.

O vindeiro fin de semana, o Cidade de Narón xogará na Gándara contra o Sport Sala.

Ficha técnica:

Rábade FS: Borja, Sergio, Jacobo, Xico e Alejandro. Tamén xogaron Adrián, David, Villegas, Jesús; Michael e Javier.

Cidade de Narón: Fer Combarro, Juan Caínzos, Iván, Guille e Diego Vázquez. Tamén xogaron Buxía, Álex Piñón, Lucas, Álex Naveira, Pablo Cotelo e Luis.

Goles: (1-0) min. 22, Sergio; (2-0) min. 24, Michael; (2-1) min. 24, Pablo; (3-1) min. 30, Jesús; (3-2) min. 35, Guille.

Árbitros: Carlos Jesús González e Héctor Pérez (C.T.A. Galego).

Pavillón: PM Eduardo Villamarín (Rábade)

O Cidade de Narón suma os tres primeiros puntos ante o Cidade das Burgas

  • Os naroneses bordaron un segundo tempo no que Juan Caínzos, Guille e Iván, con dous tantos, foron os goleadores da xornada

Narón, 30 de setembro de 2023.- O Cidade de Narón sumou este sábado os tres primeiros puntos da tempada tras impoñerse por 4-1 a un Cidade das Burgas que lle plantou cara aos naroneses e que mesmo se adiantou no marcador no minuto 15 do primeiro tempo. Sen embargo, a segunda parte pasoulle factura a nivel físico ao equipo que adestra Pablo Gómez, sufrindo ante un rival crecido que acabou coas súas aspiracións de vitoria por mor dos tantos de Juan Caínzos, Guille e Iván, en dúas ocasións.

O partido comezaba cun xogo moi parexo, no que aos de Narón lles duraba pouco o balón nos pés mentres que o Cidade das Burgas impoñía unha defensa intensa que lle permitía roubar o coiro e saír entre liñas da presión dos naroneses. Os de Abel Cernadas foron de menos a máis e dispuxeron de varias ocasións claras que nin Juan, nin Diego, nin Iván finalizaron con acerto.

Pero no minuto 18 chegou o primeiro tanto do partido, logo dunha moi boa contra na que Ron se plantou diante da meta defendida por Fer Combarro e anotou o 0-1 co que se chegou ao descanso.

No segundo tempo, os ourensáns mantiveron o tipo durante os primeiros minutos de partido, pero pouco a pouco o Narón se foi rearmando a través dun bo xogo colectivo en longo e unha maior posesión de balón. E no minuto 32 Iván abriu a lata co gol do empate.

A partir dese momento, chegou o dominio naronés con xogadas de estratexia e xogo con pivot que permitiu que no minuto 34 Guille anotase o segundo e dous minutos despois fixese o propio Juan Caínzos. A guinda a poñía Iván no minuto 37. Un cuarto tanto co que se pechou o marcador na Gándara.

Ao final, marcador de 4-1 para os locais. Un resultado que fai xustiza ao xogo despregado no segundo tempo polos de Narón e ao bo espectáculo que ambos equipos ofreceron aos aficionados que acudiron esta fin de semana á Gándara.

A vindeira semana, o Cidade de Narón viaxará ata a provincia lucense para xogar co Rábade FS.

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Fer Combarro, Juan Caínzos, Iván, Guille e Diego Vázquez. Tamén xogaron Buxía, Álex Piñón, Lucas, Álex Naveira, Pablo Cotelo e Diego Rey.

Cidade das Burgas: Andrés, Ángel, Pablo, Ron e Neira. Tamén xogaron Fabián, Diego, Gonza, Guerra y Rodri.

Goles: (0-1) min. 18, Ron; (1-1) min. 32, Iván; (2-1) min. 34, Guille; (3-1) min. 36, Juan Caínzos; (4-1) min. 37, Iván.

Árbitros: Adrián García López e Sergio López Ramudo (C.T.A. Galego).

Pavillón: PM A Gándara (Narón)

O Cidade de Narón cae en Carballiño nun partido no que mereceu máis

  • Os naroneses estiveron a piques de remontar un encontro que perdían ao descanso por 4-1 e que chegaba condicionado polas baixas de Rober, Iván, Luis, Brais, Buxía e Rubén

  • Juan Caínzos, con tres tantos, e Lucas foron os encargados de anotar os goles do equipo que adestra Abel Cernadas

Narón, 23 de setembro de 2023.- O Cidade de Narón volveu de baleiro de Carballiño logo de perder por 5-4 no encontro correspondente á segunda xornada da Terceira División Nacional de fútbol sala. O equipo que adestra Abel Cernadas viaxou en cadro por mor das baixas de Rober e Brais por lesión e Iván, Luis, Buxía e Rubén, por motivos laborais. Malia a isto, o plantel que saltou á cancha do Paco Chao non perdeu a cara e logo dun primeiro mal tempo marcado polas imprecisións e os erros en defensa, foi quen de empatar e a piques estivo de traerse os tres puntos no peto. Ao final, 5-4 a favor dos locais con goles de Juan Caínzos, que anotaba tres tantos, e de Lucas.

O partido arrancou cun Carballiño que saltou á pista con moita intensidade e que cando aínda non se cumprira o primeiro minuto de xogo xa abrira o marcador a través dun tanto de Antonio. Os naroneses non se atoparon cómodos co xogo despregado polo equipo local e concederon varias contras e varias perdas de balón que permitiron aos de Luis Pampín ampliar as distancias e chegar ao descanso cun marcador de 4-1.

Pero o paso por vestiarios serviulles aos de Narón para saltar á pista moito máis centrados e agresivos co balón. E o que foi máis importante, moito máis acertados de cara á portería. Foi entón cando chegaron os tantos de Juan Caínzos e de Lucas, cos que os amarelos empataron o encontro.

Pero a intensidade no xogo despregado por uns e outros provocou que no minuto dez do segundo tempo, os dous equipos contasen con cinco faltas cadanseu polo que as defensas baixaron o ritmo e as oportunidades se sucederon para as dúas escuadras. E malia que tiveron a vitoria na man, os de Narón acusaron de novo a falta de acerto do primeiro tempo e marraron as abondosas ocasións coas que contaron para sumar os tres puntos.

Ao final, 5-4 no Paco Chao a favor dos locais, cun Carballiño que aguantou a arrancada do Cidade no segundo tempo, no que os amarelos foron máis intensos e efectivos aínda que non o suficiente como para gañar .

A vindeira fin de semana, o Cidade de Narón xogará na casa ante o Cidade das Burgas. Un encontro que terá lugar na xornada do sábado 30, a partir das 19 horas.

Ficha técnica:

Carballiño FS: Eric, Édgar, Hugo, Mathias e Antonio. Tamén xogaron David, Iago, Óscar, Noel e Xacobo.

Cidade de Narón: Fer Combarro, Juan Caínzos, Pablo, Guille e Diego Vázquez. Tamén xogaron Álex Piñón, Lucas, Álex Naveira e Diego Rey.

Goles: (1-0) min. 1, Antonio; (2-0) min. 11, Xacobo; (3-0) min. 16, Óscar; (3-1) min. 18, Juan Caínzos; (4-1) min. 19, Edgar; (4-2) min. 23, Juan Caínzos; (4-3) min. 26, Lucas; (4-4) min. 35, Juan Caínzos; (5-2) min. 36, David.

Árbitros: Tania María Penabad e Roberto Pérez (C.T.A. Galego).

Pavillón: PM Paco Chao (O Carballiño)

 

O Cidade de Narón arranca cunha inmerecida derrota ante o ED Vigo

  • Os naroneses, que chegaron a igualar un encontro que comezaron perdendo, careceron de sorte na recta final de partido na que os vigueses aproveitaron as dúas ocasións que xeraron

  • Os tantos locais foron obra de Lucas e Pablo Cotelo e a nota negativa chegaba no minuto 10 coa lesión de Brais, que se mancaba no seu nocello dereito

  • Os naroneses xogarán a vindeira semana no Carballiño

Narón, 16 de setembro de 2023.-

Ficha técnica:

Cidade de Narón: Fer Combarro, Brais, Pablo, Guille e Diego Vázquez. Tamén xogaron Buxía, Lucas, Juan Caínzos, Iván e Diego Rey.

ED Vigo: Alberto, Diego, Alejandro, Samuel e Óscar. Tamén xogaron Joel, Carlos C, Fabio, Carlos H, Juan Manuel, Javier e Lucas.

Goles: (0-1) min. 3, Carlos C; (0-2) min. 8, Samuel; (1-2) min. 9, Lucas; (2-2) min. 13, Pablo Cotelo; (2-3) min. 15, Óscar; (2-4) min. 39, Alberto.

Árbitros: Franco Alvaro Campagnoli e Sergio Piñeiro (C.T.A. Galego).

Pavillón: PM A Gándara (Narón)