O Cidade deixase tres novos puntos en Outeiro de Rei
-
Os naroneses, que acusaron falta de intensidade no segundo tempo, a piques estiveron de empatar o encontro nos últimos compases pero sen fortuna e acabaron caendo por 5-3
Narón, 18 de novembro de 2023.- O Cidade de Narón deixouse tres novos puntos, esta vez no choque correspondente á décima xornada ante o Outeiro de Rei. Os naroneses chegaron ao descanso cunha vantaxe pola mínima, sen embargo a falta de intensidade defensiva nos primeiros minutos do segundo tempo acabaron condenando aos amarelos que perderon por 5-3. Os tantos dos naroneses saíron das botas de Álex Naveira, Lucas e Brais.
A primeira parte arrancou cun Cidade ben plantado na cancha e moi acertado en defensa e un Outeiro de Rei cun xogo moi directo en ataque a través do seu pivot. A intensidade e velocidade nos desprazamentos dos locais fixeron que o Cidade sufrira máis do que debera ao inicio do partido. De feito, o Outeiro deu o primeiro aviso cun tiro de José López ao traveseiro. Unha xogada que espoleou aos naroneses, que logo dispuxeron de varias oportunidades claras para abrir o marcador: a primeira, un man a man de Lucas que non definiu; logo viría un tiro de Guille que chapou o porteiro local, e, de seguido, unha boa acción de Naveira que tampouco conseguiu materializar.
Os locais responderon cunha boa acción á saída dun saque de esquina que foi desbaratada por Fer e, a continuación, chegou o tanto naronés, grazas a unha boa contra que rematou Álex Naveira. Con vantaxe por 0-1 no luminoso se chegou ao tempo de descanso.
No segundo tempo, o Outeiro saíu con moito máis ritmo e malia que o Cidade semellou manter o control defensivo, un tiro exterior de Óscar puxo o empate. E, a penas, un minuto despois, unha saída desafortunada do porteiro naronés, permitiu aos locais poñerse por diante no marcador. Dous tantos que precederon aos que logo anotaron Óscar de novo e David nuns primeiros minutos da segunda parte para esquecer.
Así as cousas, ao Cidade non lle quedou outra que ir a polo partido e a falta de dez minutos os naroneses apostaron polo xogo de cinco para catro. Unha estratexia que axiña deu os seus froitos, xa que dous bos tantos de Lucas dentro da área e Brais desde o borde dun punteirazo, achegaron aos de Narón no marcador.
O Cidade de Narón dispuxo dalgunha que outra ocasión para empatar o encontro pero un balón en longo que non conseguiu controlar Pablo Cotelo facilitou o quinto tanto dos locais.
Ao remate do partido, Javi Albes apuntou “á falta de tensión defensiva do arranque do segundo tempo”- como a principal causa da derrota naronesa, ante un “bo” Outeiro de Rei.
O vindeiro sábado os amarelos xogarán na casa ante o Ribeira FS.
Ficha técnica:
Outeiro de Rei: Antonio, José López, Óscar, Diego e David. Tamén xogaron Arturo, Brais, Rodrigo, Edu, Pablo e Mauro.
Cidade de Narón: Fer Combarro, Luis, Diego, Brais e Pablo. Tamén xogaron Álex Naveiras, Lucas, Juan Caínzos, Guille e Diego Rey.
Goles: (0-1) min. 19, Álex Naveira; (1-1) min. 28, Óscar; (2-1) min. 28, David; (3-1) min. 29, Óscar; (4-1) min. 30, David; (4-2) min. 35, Lucas; (4-3) min.37, Brais; (5-3) min. 38, Mauro .
Árbitros: Franco Alvaro Campagnoli e Nicolás Villegas(C.T.A. Galego).
Pavillón: PM Outeiro de Rei (Outeiro de Rei)